O protocolo é resultado dun traballo
multidisciplinario, que contou con participación de profesionais de ámbitos
como a orientación educativa, os centros de educación especial e as entidades
sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas
con TEA e das súas familia. O obxectivo que se persigue con el é facilitar a
detección do TEA e proporcionar a este alumnado unha atención educativa na que
se implique o conxunto do centro e as familias en prol do maior e mellor
desenvolvemento persoal e social do estudante.
O Protocolo articúlase en epígrafes, centrados no concepto
do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a diagnose do mesmo,
o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de
seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou
conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres
anexos con documentos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno,
con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o
percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.
En definitiva, o Protocolo para o tratamento educativo do
alumnado con trastorno do espectro do autismo busca ser unha ferramenta de uso
para profesionais do ensino e para as familias, pretende establecer o camiño
que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén,
orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que
participan na educación dese alumnado.