A ira dos mansos. "Comunicar, escribir, curar"

“Empecei a escribir a novela para botar a dor e a anguria fóra”

Manuel Esteban Domínguez (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de Formación Profesional. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down, situación que marca tamén a obra “A Ira dos mansos”, coa que acaba de gañar o Xerais de novela.

Esta é a súa primeira incursión coma escritor?
Si, son escritor de autoconsumo, que viña escribindo como algo íntimo. Teño un fillo con síndrome de Down e cando empecei a escribir esta novela fíxeno como unha queixa, como unha forma de botar a dor, a anguria e o medo fóra.

Que ten de vostede o personaxe central da novela, o inspector Carlos Manso?
Elexín o xénero da novela negra porque é no que me sinto máis cómodo. O inspector é moi mordaz, moi desaborido, moi cínico. Na obra recorro ao subxénero da novela psicolóxica. O inspector, na súa viaxe, atopa a discapacidade intelectual e baixo a súa apariencia están as emocións miñas.

E Vigo aparece tamén coma outro personaxe da novela?
Quixen buscar escenarios próximos, que eu coñezo ben, para facer máis auténtico o universo que quería propoñer.

Agardaba este premio?
Aínda estou en estado de schock. Foi toda unha sorpresa porque non me sinto escritor. Si son un gran lector e é certo que, aínda que son médico, me dedico á docencia e hai moita tradición de escritores neste ámbito.




A ira dos mansos

No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte: «O cadáver dunha nena aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. A partir de aí, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional para resolver o crime.

 A ira dos mansos é unha novela negra cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos. Cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión, as palabras das súas páxinas derruban as barreiras emocionais do personaxe principal. O inspector Carlos Manso móvese con facilidade por unha cidade, Vigo, cuns escenarios que tamén protagonizan, en pé de igualdade, a novela.

 A ira dos mansos está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down. En definitiva, A ira dos mansos é unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto.»

Manuel Esteban Domínguez declarou cando coñeceu que fora premiado que «A ira dos mansos xorde coma unha necesidade terapéutica, unha catarse obrigada tras o nacemento do meu fillo maior. Nunca o tomei coma un exercicio literario senón coma un berro de impotencia, a necesidade de compartir un intenso sentimento de inxustiza. O inspector Manso e, polo tanto, un trasunto desa anguria, porque no xénero da novela negra, esa fronteira na que os matices morais cobran importancia, resalta mellor o contraste entre unha sociedade desmedida e un colectivo, o dos discapacitados intelectuais, considerado erradamente como enfermo ou retrasado».


Fonte: AtlánticoXerais
Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »