O Informe PISA 2015 vén de confirmar a Galicia como a Comunidade Autónoma
co sistema educativo máis equitativo por diante de todos os países da OCDE.
Este dato, que se obtén tras analizar a influencia do contexto sociocultural
nos resultados académicos do alumnado, confirma o esforzo da Consellería de
Cultura e Educación por garantir un acceso á educación en condicións de
igualdade para todos.
De feito, unha das accións prioritarias do Goberno galego é a atención á
diversidade de todos os colectivos. Tal como reflicten os últimos informes do
Ministerio, Galicia é a CCAA máis inclusiva do Estado, co 91,1% do alumnado con
Necesidades Educativas Especiais (NEE) integrado no réxime ordinario. Isto é
posible grazas á rede de 3.000 profesionais, entre coidadores e especialistas
en PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe) que traballan no noso
sistema educativo público.