A lectura, ademais de mellorar a empatía e a comprensión dos demais, é un
dos mellores exercicios posibles para manter en forma o cerebro e as
capacidades mentais.
Ignacio Morgado Bernal :: El país
O informe A lectura en España 2017, encargado pola Federación de Gremios de Editores
(FGEE), alerta de que os españois non conseguimos aumentar o noso nivel de
lectura, pois estamos estancados en cifras que indican, segundo o último
barómetro do CIS, que preto dun 40% dos cidadáns non leu nin un libro en 2015.
Ante esta situación o Goberno parece ter en cernes un Plan Nacional de Fomento da Lectura
incluído no chamado Plan 2020 de acción cultural. Démosle pois ao Goberno e o seu Ministerio de Cultura argumentos
científicos, particularmente desde a neurociencia, para seguir adiante con ese
plan e levalo a cabo con éxito.
A lectura é un dos mellores exercicios posibles
para manter en forma o cerebro e as capacidades mentais. É así porque a
actividade de ler require pór en xogo un importante número de procesos mentais,
entre os que destacan a percepción, a memoria e o razoamento. Cando lemos
activamos preferentemente o hemisferio esquerdo do cerebro, que é o da linguaxe
e o máis dotado de capacidades analíticas na maioría das persoas, pero son
moitas máis as áreas cerebrais de ámbolos hemisferios que se activan e
interveñen no proceso. Decodificar as letras, as palabras e as frases e
convertelas en sons mentais require activar amplas áreas da cortiza cerebral.
As cortizas occipital e temporal actívanse para ver e recoñecer o valor semántico
das palabras, é dicir, o seu significado. A cortiza frontal motora actívase
cando evocamos mentalmente os sons das palabras que lemos. Os recordos que
evoca a interpretación do lido activan poderosamente o hipocampo e o lóbulo
temporal medial. As narracións e os contidos sentimentais do escrito, sexan ou
non de ficción, activan a amígdala e demais áreas emocionais do cerebro. O
razoamento sobre o contido e a semántica do lido activan a cortiza prefrontal e
a memoria de traballo, que é a que utilizamos para resolver problemas,
planificar o futuro e tomar decisións. Está comprobado que a activación regular
desa parte do cerebro fomenta non só a capacidade de razoar, senón tamén, en
certa medida, a intelixencia das persoas.
A lectura, en definitiva, alaga de actividade o
conxunto do cerebro e reforza tamén as habilidades sociais e a empatía, ademais
de reducir o nivel de tensión do lector. Nese sentido debemos resaltar o
excelente traballo de revisión do novelista e psicólogo Keith Oatley, da
Universidade de Toronto, Canadá, recentemente publicado na revista
científica CellPress e titulado Fiction: Simulación of
Social Worlds (Ficción: Simulación de mundos sociais),
destacando que a literatura de ficción é a simulación de nós mesmos en
interacción. Tras un rigoroso e elaborado repaso de datos e consideracións
sobre psicoloxía cognitiva, Oatley conclúe que ese tipo de literatura ao ser
como unha exploración das mentes alleas fai que quen le mellore a súa empatía e
a súa comprensión dos demais, algo do que estamos moi necesitados. Esa
conclusión é ademais avalada por neuroimaxes, é dicir, por datos científicos
que exploran a actividade cerebral relacionada con ese tipo de emocións. A
ficción que inclúe personaxes e situacións complexas pode ter efectos especialmente
beneficiosos. Así e como exemplo, un traballo recentemente publicado mostra que
a lectura de Harry Potter pode diminuír os prexuízos dos
lectores.
Todo iso sen mencionar a satisfacción e o benestar
que proporciona o coñecemento adquirido e como ese coñecemento se transforma en
memoria cristalizada, que é a que temos como resultado da experiencia. O libro
e calquera lectura comparable son, así, un ximnasio alcanzable e barato para a
mente, o que proporciona a mellor relación custo/beneficio en tódalas idades
da vida, polo que debería incluírse na educación desde a máis temperá infancia
e manterse durante toda a vida. Cada persoa debe elixir o tipo de lectura que
máis lle motiva e convén. Os nenos deben ser estimulados a ler con lecturas
adecuadas á súa idade e os maiores deben procurarse todo o auxilio que requiran
as súas facultades visuais para poder seguir lendo e mantendo en forma o seu
cerebro cando envellecen. Un motivo engadido para que os maiores sigan lendo é
a plausible crenza de que non somos verdadeiramente vellos ata que non
empezamos a sentir que xa non temos nada novo que aprender.
Ignacio Morgado Bernal é
director do Instituto de Neurociencias da Universidade Autónoma de Barcelona,
autor de“Como percibimos o mundo: unha exploración da mente e os sentidos”
(Barcelona: Ariel 2012)