En só 10 minutos




Enrique Sánchez Rivas :: Pedagogía 350


Recordo con agarimo a Joaquín, era un compañeiro, un amigo do colexio. Hoxe o etiquetaríamos como un alumno con "Necesidades Educativas Especiais". Naquela época, e para nós, era un neno que facía fichas de primeiro nunha clase de sexto. O seu comportamento tamén era máis infantil, pero non nos resultaba estraño, coñeciámolo desde sempre. O certo é que ter a Joaquín en clase era un privilexio. Mellor dito, o profe Pedro facía que o fose.

Agora, despois de dez anos nas aulas, entendo que un alumno cun nivel de competencia curricular de Primeiro Ciclo ten que facer un esforzo tremendo para soportar unha clase de sexto. Creo que o profe Pedro tamén era consciente diso. Por iso, cando Joaquín empezábase a mostrar máis inquieto, o profe cortaba a clase. Daba igual se era mates, lingua ou un exame. "Atención, Joaquín ten algo que contarnos!", dicíanos. E para min era fantástico, a miña cabeza tampouco soportaba tanto tempo seguido de traballo intelectual.

Dez minutos, non creo que fose máis, SÓ 10 MINUTOS. Nese tempo, Joaquín saía ao encerado e explicábanos o que estaba a aprender. Outras veces, simplemente narraba o que fixo a tarde anterior. O resto, escoitabamos. Se a situación o requiría, tamén participabamos. Sería imposible describir con palabras a sensibilidade coa que esa clase axudaba ou corrixía a Joaquín. Incluso os máis vándalos parecían transformarse naqueles dez minutos.

Recordo que o profe tivo problemas. Algúns pais "protestaron", os seus fillos perdían dez minutos de clase todos os días. "Ían ir menos preparados ao instituto que os do outro sexto", reprocháronlle. Os meus pais asistiron á asemblea que convocou o colexio. O profe Pedro dixo: "É certo, perdemos dez minutos de matemáticas, pero nin se imaxinan o que gañamos a cambio".

Agora estou seguro, Joaquín deunos moito máis do que recibiu nese dez minutos. Axudounos a desenvolver a empatía, o respecto cara á diferenza, a solidariedade... axudounos a ser mellores persoas. E todo a cambio de só 10 minutos.

Educar a mente sen educar o corazón, non é educar en absoluto. Aristóteles.
Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »