O futuro da educación: o 65% de non-sei-quen vai facer non-sei-que (seguro?)


Expertos repiten, sen citar fontes, que dous terzos de estudantes terán empregos que non existen aínda.




El país


“O 65% dos alumnos actuais de primaria van estudar carreiras para postos de traballo que non existirán”. Acábao de dicir Helena Ferreiro, cabeza de HP en España, no Mobile World Congress Barcelona, o pasado 28 de febreiro. Tamén a prestixiosa consultora Randstad, en setembro de 2016, asegurou: “A maioría (o 65%) dos membros da chamada Xeración Z [os nados a partir de 1990] traballarán en postos de nova creación, relacionados todos eles coa tecnoloxía e as ciencias”. A frase non é nin de Ferreiro nin de Randstad. En calquera espazo que combine educación, tecnoloxía e empresas os expertos utilizan esta porcentaxe como un mantra. Pero, quen o calculou?

Segundo un informe de Microsoft, de agosto de 2016, “o 65% dos estudantes de hoxe en día exercerán traballos que nin sequera existen, como guía espacial ou deseñador do corpo humano”. De novo, a mesma cifra. Pero xa se adiantou César Alierta, en xaneiro do mesmo ano, cando aínda era presidente de Telefónica, ao afirmar: "O 65% dos estudantes de primaria traballará dentro de 10 ou 15 anos en profesións que aínda nin existen", ligadas ao mundo dixital.

Pero nin Microsoft nin Alierta foron os primeiros. Antes, Iñaki Ortega, directivo de Deusto Business School e "experto na nova xeración do milenio", asegurou en 2015 que "o 65% dos traballos dos próximos anos aínda non se inventou". Un ano antes anticipouno o BBVA Innovation Center: “O 65% dos recentemente nados hoxe traballarán en traballos que non existen hoxe en día”.

Para quen bote de menos algún gurú tecnolóxico, sumáronse á porcentaxe do 65% o presidente de SPS (Success Performance Solutions), Ira S. Wolfe; o fundador de US Robotics, Paul Collard; o parlamentario laborista e ministro de Educación na sombra Pat Jarvis, en 2011, e Zach Klein, cofundador de Vimeo e CEO de DIY.org. Aínda que nada con tanto glamour como o Foro Económico Mundial de Davos. Adiviñen que concluíu no seu informe de 2016 The Future oj Jobs (O futuro dos traballos)… “O 65% dos nenos que entran hoxe á escola primaria terminarán traballando en empregos de tipo enteiramente novo, que non existen aínda”. Pero hai algo inquietante...

O de menos é a inestabilidade da porcentaxe. Adoita ser do 65%, aínda que ocasionalmente sobe ao 75% ou descende ao 60%. Tampouco está demasiado claro que é o que cambia: os empregos, segundo algunha afirmación, as carreiras -académicas ou profesionais, de estudo ou de traballo?- ou as profesións. Tamén nos queda a dúbida de a que estudantes afecta: se aos de primaria, aos que acaban de empezar, aos estudantes en xeral, aos maduriños ou aos que xa poderían terminar os seus estudos (os nados en 1990).

Esta masiva confluencia dos expertos educativos, empresariais e tecnolóxicos resulta impresionante. Pero, onde están as fontes? A maioría dos nosos divulgadores nin sequera aluden a elas. O informe profético do Foro de Davos limítase a indicar que se trata dunha estimación difundida; Collard aludía a "unha estatística do goberno británico"; fontes habitualmente mellor informadas como Wolfe, Ortega, ou Ranstad atribúeno a "un informe" do Departamento de Traballo dos Estados Unidos, aínda que sen indicar nin cal nin onde atopalo. O BBVA, Klein e Virginia Heffernan, no seu blog en  The New York Times, atribúeno a Cathy Davidson. E aquí empezamos a ver por fin a luz.

Efectivamente, é Cathy N. Davidson, quen así o afirma no seu libro Now You See It: How the Brain Science of Attention will Transform the Way We Live, Work, and Learn (Agora velo: Como a ciencia cerebral da atención transformará como vivimos, traballamos e aprendemos). Non falamos de calquera libro nin de calquera persoa: lino no seu día e debo dicir que me pareceu, e ségueme parecendo, moi bo en xeral. Davidson é unha moi competente profesora de Humanidades envorcada sobre o mundo dixital: é profesora na Duke University, codirectora da organización sobre innovación en modos de aprendizaxe HASTAC e patroa das fundacións McArthur e Mozilla. Pero aínda que iso reforce o interese das súas opinións non lle dá, como diría Patrick D. Moynihan, dereito a ter os seus propios feitos. O caso é que Davidson di branco sobre negro: "O 65% dos nenos que entran este ano na escola elemental terminará traballando en carreiras que aínda non foron inventadas". Adianta tamén que é "segundo unha estimación" pero, a diferenza do Foro de Davos, non di que estea moi estendida senón que remite a un informe do Departamento de Traballo de EE UU Futurework: Trends and Challenges for Work in the 21st Century.

En realidade, Davidson toma a referencia dunha entrada titulada The Changing Workplace (O cambiante lugar de traballo) na web de Family Education, aínda que, nun exceso de confianza en si mesma e na súa fonte inmediata, remite a quen o desexe á fonte orixinal. O problema é que a presunta fonte orixinal, o informe do Departamento de Traballo de EE UU, efectivamente existe, pero en ningún momento di o que din que di. O máis parecido que pode un atopar é unha alusión á rápida obsolescencia dos empregos ou as competencias máis recentes, como as informáticas (na páxina 2). A páxina de Family Education á que alude Davidson, está, por certo, ilustrada con incontables teleñecos e fotografías de nenos, e defínese como "a túa compañeira no exercicio de ser pais”. En fin...

É verdade que Davidson tampouco foi a primeira en arroxar a porcentaxe do 65%, pero probablemente si quen achegou un primeiro sinal académico a tan infundada información, coa axuda inefable da xornalista V. Heffernan (que escribe "sobre cultura dixital e pop") e do Foro de Davos e o seu informe -como pode tamaña institución basear unha afirmación así en "unha estimación moi estendida"?-.

Está claro que na sociedade da información non sempre brilla o coñecemento, nin sequera onde máis llo presume. De aí a importancia da educación e a aprendizaxe.


Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »