Moitos dos ingresos de longa estancia no hospital vigués son de menores en idade escolar. Por iso, Mar Nieto e Chus Iglesias, as profesoras da aula hospitalaria do centro, encárganse de que non perdan o ritmo e se divirtan.
Faro Educa
O día a día na clase... do Álvaro Cunqueiro
“A saúde é o primeiro”. É a frase que máis repiten os profesores dos nenos e nenas que, por algún problema, teñen que ingresar no hospital e deixan de ir ao colexio. É o caso de moitos pequenos que quedan no Álvaro Cunqueiro, contando as horas dentro da súa habitación: “Aquí hai tempo para xogar, ler, aburrirse... e tamén facer cousas do cole”.
E así é como aparece a
aula hospitalaria, unha
clase pouco usual que combina atención presencial, a domicilio e en ruta polas
habitacións de ingreso dos nenos e nenas en idade escolar.
“Moitas veces, cando chamamos aos colexios para coordinar, a primeira
reacción desde os centros é ‘Que non faga nada! A saúde é o primeiro!’ e é
cando temos que facerlles ver que, dentro da recuperación, entra tamén
o normalizar a situación na medida do posible” cóntanos Mar
Nieto, unha da mestras da aula, que chega de facer as visitas polas
habitacións cun caderno cheo de ecuacións de primeiro grao.
Vas atender ao mesmo neno de onte, pero poida que o seu estado físico ou
anímico non sexa o mesmo que fai 24 horas.
“O feito de estar a facer as mesmas tarefas ou exercicios que están a
practicar os seus compañeiros en clase failles ver que non se quedaron
atrás, que a súa vida se normaliza. Parece que todo volve á súa canle”. Hai dúas zonas educativas. Unha para
infantil e outra para nenos algo maiores, aínda que ás veces mestúranse e a de
máis idade axudan e xogan cos pequenos. “Xorde unha clase colaborativa da nada
nos conta Chus Iglesias, a mestra que queda na aula mentres Mar fai a
ruta polas habitacións. “É moi beneficioso, especialmente para os
enfermos de saúde mental. É incrible ver como se abren e relaciónanse”.
E é que o traballo na clase divídese en dúas: seguindo un
horario parecido ao dun colexio ordinario, as primeiras horas utilízanse para
continuar co currículo que corresponda ás súas idades (de 10:15 a
11:30h).
O resto do día é para descansar e xogar, realizando tarefas relacionadas
coa educación, pero de forma máis relaxada, como ler ou debuxar. Terminan á 13h
(“Un pouco antes que nos centros educativos, pero coincide coa hora na que as
celadoras reparten a comida”).
A saúde é o primeiro, pero a escola axuda á recuperación, especialmente nun
sentido emocional
Para os pequenos isto tradúcese en percorrer os andeis en busca dos seus
xoguetes favoritos, pero tamén para ler, charlar, debuxar ou mesmo botar unhas
partidas ao futbolín. “Unha das grandes vantaxes desta parte lúdica é servir de
punto de encontro” apunta Mar “Deixan de estar illados na súa habitación, co
seu mundo e a súa enfermidade, e xúntanse cos seus iguais”. E Chus
lembra: “Os maiores fan piña e pásanse os teléfonos para falar por
whatsapp cando lles dan o alta”.
E é que as dúas profesoras son testemuñas de que as amizades que se fraguan
en a Aula
Hospitalaria son para
toda a vida.
Cóntanolo Raquel, que estudaba na aula durante o seu ingreso e que agora xa
está en casa, pero aproveita cada proba médica por a que debe acudir ao
hospital para ir debuxar coas súas amigas e profesoras, e sobre todo para ver a
Inés, á que coñeceu cando estaba ingresada: “Un día pasou por diante da
miña habitación e xa nos fixemos mellores amigas!”
É unha aula pequena, pero cunha asistencia cambiante: “Non existe un grupo
estable e cohesionado, está suxeito a altas e baixas, e por sorte, os grupos
desfanse a medida que se recuperan”.
Deste xeito, hai días que a aula se enche até os 15 alumnos,
outros poden chegar só tres ou catro, aínda que nos din que a media é dun oito. “Estes
días hai moitos illados que reciben as clases na súa habitación, como algúns
internos na á de psiquiatría ou os ingresados en oncoloxía, que por inmunidade
non poden vir á aula”. Iso non impide que xoguen e aprendan como os demais:
“Temos un servizo de préstamo co que poden levar á habitación calquera libro ou
xoguete que lles guste e telo con eles toda a semana.”
No Álvaro Cunqueiro hai tempo para todo, e os maiores mesmo o
dedican para facer exames: “Si estamos na época de avaliación, o
primeiro que preguntamos é ‘telos preparados?’ Talvez polo malestar previo ao
ingreso non puido estudar, pero cando si os traballaron é unha mágoa non
facelos” explican “Entón chamamos ao centro, envíannos as probas e nós vixiamos
mentres as terminan. Logo remitímolos outra vez para que sexan os seus mestres
quen o avalíen.”
Chega a hora da comida e entran pola porta nais e pais. A
aula pecha por hoxe, aínda
que os máis pequenos poden seguir xogando no parque infantil ao final da Vea F.
Mentres, Chus e Mar diríxense á aula de profesores para reunirse co equipo de
Saúde Mental e falar cos mestres que visitaron aos estudantes que se atopan en
réxime domiciliario: “Os profesores que estamos aquí somos mestres
especializados en Infantil e Primaria, pero entran moitos alumnos de Secundaria
e Educación Especial, así que a túa capacidade de reacción ten que estar moi
esperta. Dá igual a idade ou a condición, todos poden porse enfermos, e todos
necesitan manter o contacto cos seus colexios.”
A saúde é o primeiro, pero na recuperación, a escola axuda.
Como funciona unha Aula Hospitalaria?
Ás 8:30 h comeza a xornada escolar. É o momento de vixiar os novos ingresos
de todos os nenos ou nenas en idade lectiva e pasar polas habitacións para
pescudar: si pode saír, si será unha estancia longa, a que colexio vai e que
está a estudar...
Despois, a xornada divídese en dúas. Chus queda na aula, e Mar fai a rolda
polas habitacións. Lévalles o material que coordinaron coas escolas, algún
libro... Aínda que nunca se sabe o que vai pasar: “Vas atender ao mesmo neno
de onte, pero poida que o seu estado físico ou anímico non sexa o mesmo que fai
24 horas. Podes chegar como profe de matemáticas e pasar a ser ouvido.
Porque é unha parte importantísima”.
Personalízase a clase a cada habitación, xa que a maiores da actividade
propiamente educativa é necesario engadir un compoñente terapéutico e
emocional, especialmente nos casos de oncoloxía ou psiquiatría. Son ingresos
máis longos, e en ocasións recorrentes, que precisan dunha sensibilidade
especial. “Lembro un día cunha nena de onco, pequeniña, que eu
levaba algo de traballo, e ao final acabei colléndoa en o colo e
contándolle un conto. Esa flexibilidade é importantísima”.
Unha flexibilidade que se transmite tamén no traballo que non se ve, antes
e despois da clase, e especialmente desde que a aula do Álvaro Cunqueiro
converteuse na Sede de Atención Domiciliaria: “É un proxecto importante no que
creemos, pero os recursos son os mesmos que antes. E coordinar a todo o equipo,
os horarios, os quilómetros, a materia... supón traballo e tempo, que non debe
repercutir na calidade da aula. Porque todos os alumnos merécense a mellor
dedicación.”