Muíños contra cabalos: así é a ameaza eólica de Sabucedo que denunciou Sorogoyen nos Goya
O director de 'As Bestas' enxalzou o labor da asociación galega que defende
as mandas salvaxes, agora en perigo pola instalación de catro parques
GCiencia
“Dous deles xa contan cunha declaración de impacto ambiental favorable. É
dicir, se a Consellería de Economía, Industria e Innovación dá o visto bo
sairán a diante. Nós interporemos un recurso de alzada e, se continúan co
proxecto, xa iremos pola vía xudicial”, explica Vicente Monteagudo. A situación
é complicada e as ameazas que se erguen sobre os cabalos de Sabucedo engaden un
inimigo xigante: os eólicos. O que máis compromete a súa supervivencia e pon en
serio perigo a biodiversidade dos seus montes é o de Campo das Rosas.
“Vainos facer moitísimo dano. Temos un patrimonio arqueolóxico e natural
enorme. Ademais das bestas, hai mámoas e petróglifos que son fundamentais,
porque aparecen figuras de bestas con persoas enriba de hai máis de 4.000
anos”, di o presidente da asociación. Esta iconografía, segundo traslada, é a
mellor proba de que a relación entre o home e as bestas vén de moi antigo.
Entre outras ameazas, Campo das Rosas pon en serio perigo as queirogas
e matogueiras que son hábitats protexidos pola Unión Europea e axudan
a captar o dióxido de carbono, polo que son esenciais para mitigar o cambio
climático. Ademais, Vicente Monteagudo alerta de que non só son os muíños;
as áreas poligonais tamén poñen en serio perigo a zona, ao
converter en solo industrial o que anteriormente era rural. “Vai en contra da
lóxica conservacionista”, apunta. A este respecto, o presidente de Rapa das
Bestas asegura que os aeroxeradores que se van instalar superan os 200
metros. “Non son os que pode haber no Candán ou no Seixo. Estes terán 160
metros de torre e 80 de pala. Ninguén sabe como se vai comportar a natureza
ante estes bechos”, insiste.
Estas xigantescas dimensións van repercutir directamente na vida dos
cabalos. E, sobre todo, na tradición que se celebra cada primeira fin de semana
de xullo en Sabucedo e se considera Festa de Interese Turístico
Internacional. “Os eólicos van directamente na baixada das bestas.
Exportamos fotos a medio mundo e van aparecer uns aeroxeradores que dan medo”,
asegura Vicente Monteagudo. Ademais, o presidente da asociación insiste en que
a Rapa é unha festa na que se exemplifica o coidado dos animais e que está
recoñecida internacionalmente. Porén, coa futura instalación dos parques
eólicos “vai haber empresas que expolien o monte” e, polo tanto, deturpen ese
obxectivo centenario e tradicional polo que Sabucedo defende as súas bestas.
O certo é que os eólicos non
son as únicas ameazas que poñen en perigo a supervivencia dos cabalos
salvaxes, pero a instalación dos eólicos tan só vai empeorar aínda máis o
escenario. Segundo explica Vicente Monteagudo, adoitan ter “moitos problemas”
coa entrada de bestas en parcelas privadas que rodean o monte.
Coa construción dos aeroxeradores, os cabalos vanse deslocalizar aínda máis,
moveranse e baixarán ás aldeas, xerando problemáticas coa veciñanza. “Vanse
construír enormes rotondas e pistas que van facer que sexa máis fácil roubar
gando, agravando aínda máis o problema”, apunta o presidente de Rapa das
Bestas, indicando que o roubo de cabalos é unha das principais
ameazas ás que se enfronta frecuentemente Sabucedo. Segundo explica, xa
atoparon bestas en zonas de Valencia e Portugal. “Se xa o fan cando as pistas
son intransitables, como non o van conseguir cando sexan de fácil acceso a
causa da instalación dos eólicos”, pregunta Vincente Monteagudo.
Outro dos danos que pode ocasionar a construción dos parques é o impacto
nas fontes hídricas. “Van rebentar os mananciais onde beben os cabalos e
cortar o fluxo da auga subterránea”, asegura. Segundo explica, hai moitas
persoas que acoden a fontes de auga sen legalizar e as empresas só se moven
polos planos das augas protexidas pola lei. “Van furar sen saber que aí pode
haber auga e haberá veciños que corran o risco de quedar sen auga”, declara o
presidente da asociación, facendo fincapé en que os danos non só afectarán
directamente ás bestas, senón tamén á poboación próxima a estes montes.
Vincente Monteagudo asegura que se abren múltiples escenarios que poden
supor “unha volta atrás”.
Dende a asociación Rapa das Bestas cren que detrás de todo isto só hai intereses
económicos. O presidente do colectivo lembra que Galicia é unha das
comunidades que ten máis riqueza en biodiversidade e, pola contra, é unha das
que menos superficie protexida ten na Rede Natura 2000. Ademais, outro dos
factores que complica aínda máis o escenario das bestas de Sabucedo é que non existe
unha figura de protección para os cabalos galegos de monte. “Protéxense con
estándares moi limitados as razas autóctonas para cobrar axudas pero deixan
fóra ao 99% dos cabalos galegos, que son os de monte. Iso non é viable. Son os
que máis nos benefician porque limpan os terreos e mantéñenos coidados”, expón
o presidente da asociación. Por iso, tamén reclaman que exista unha figura que
protexa estes animais e que, dalgún modo, impediría a instalación destes
parques.
“Como o cabalo galego de monte non
ten unha figura de protección, cando fas unha alegación non serve porque non
está recoñecido como algo que debemos coidar ou gardar”, apunta Vicente
Monteagudo. E lembra que hai países europeos que están intentando renovar ou
devolver cabalos ao monte para que o manteñan limpo. El recalca que non se
trata de facer unha “guerra contra as renovables”, senón de “facer
as cousas con xeito e coidando á xente”, engade Vicente Monteagudo. É
dicir: Enerxía eólica si, pero non así. Tal e como defendeu
Sorogoyen ante millóns de espectadores e tal como defende Rapa das Bestas dende
hai tempo. Todo o meu apoio ao pobo de Sabucedo pola súa defensa dos
cabalos e dos montes”, continuaba o director de As Bestas. Ao
tempo que recordaba: Os cabalos salvaxes viviron durante séculos en
liberdade. A mesma que a asociación trata incansanblemente de que non perdan.