Xunta de Galicia
Pautas específicas na
organización interna do centro escolar
No caso do Protocolo Down (que
está dispoñible no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24709),
establécense unha serie de pautas específicas para a atención educativa a estes
nenos que abrangue cuestións como a organización interna do propio centro,
orientacións metodolóxicas e de aula, medidas curriculares, seguimento do
alumnado e orientacións para as propias familias.
No que se refire á organización
interna dos centros cómpre destacar que se buscará a estabilidade do
profesorado que atende a estes alumnos, e se potenciará a figura do titor como
profesional de referencia tanto para o alumno como para o resto do equipo
docente e da propia familia. Ademais, promoverase a participación do alumnado
en todas as actividades de grupo dentro e fóra da aula, e poñeranse en valor e
daráselle visibilización a situacións de éxito.
Orientacións metodolóxicas
O documento recolle unha serie de
orientacións metodolóxicas sobre a comunicación na aula; sobre a adaptación dos
ritmo de traballo en función da especificidade de cada caso; sobre a
presentación dos contidos e materiais de aprendizaxe nas distintas modalidades
sensoriais (imaxes, gráficos, debuxos, pictogramas,...), e sobre as normas
(responsabilidade no coidado de material, por exemplo), entre outros.
Ademais, para mellorar a
autoestima do alumno, primarase a valoración do esforzo sobre outros aspectos
académicos.
Medidas curriculares
Respecto ás medidas curriculares,
avógase pola interpretación flexible do currículo, cunha programación na aula que
se adapte ás características do conxunto do estudantado, e que conte cos
recursos e apoios necesarios para a participación integral e efectiva do alumno
ca síndrome de Down na dinámica da clase.
Para iso recoméndase a aplicación
de metodoloxías e estratexias de ensino-aprendizaxe que sexan flexibles,
participativas e creativas; e propiciar situacións centradas nas
potencialidades do alumnado. Nesta liña é importante aproveitar as múltiples
posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e comunicación.
Naqueles casos nos que estas adaptacións non sexan suficientes, a lexislación
prevé medidas extraordinarias como a adaptación curricular.
Avaliación e seguimento do
alumnado
O protocolo recolle uns apartados
específicos sobre a avaliación e o seguimento do alumnado nos que se establece
prestar especial atención á avaliación inicial de cada alumno co fin de
determinar o seu nivel de competencia e, deste xeito, poder elaborar unha
programación específica de aula atendendo ao seu nivel de desempeño. Trátase de
personalizar a avaliación adaptándoa ás peculiaridades dos nenos e asegurando a
súa concordancia coa metodoloxía de aprendizaxe.
Canto ás accións de seguimento,
establécese unha avaliación trimestral na que se valoren as medidas de atención
á diversidade que está a recibir o alumno en cada caso.