Pedagogía 350
A Revolución Industrial que convulsionou á Europa do século XIX trouxo
consigo un novo modelo educativo. Urxía capacitar aos que serían futuros
operarios das fábricas que proliferaban nas urbes. O posto nunha cadea de
montaxe requiría: disciplina, concentración en tarefas repetitivas, cumprir
cuns horarios... A escola púxose ao servizo da nova e boiante economía, e
atopou métodos eficaces para crear:
Un traballador obediente. A
disciplina dos castigos era habitual nas aulas do XIX. Marcaba a pauta para
unha relación didáctica vertical, unidireccional, áspera... O docente
era posuidor do saber e transmitíao en exposicións maxistrais. Pouco
tiña que dicir o estudante máis aló de responder as preguntas que puñan en
cuestión a súa capacidade ou esforzo.
Un traballador infalible. Os
erros páganse caro na industria... e tamén na escola do XIX. Así que o
alumno non debía crear nada, só reproducir un coñecemento xa
contrastado. Nunha secuencia que se repetía até a extenuación: explicar,
exercitar, estudar, demostrar e esperar as correccións (e a consecuente nota).
A tarima, os deberes e os exames eran recursos estrela desta metodoloxía, que
garantía o desenvolvemento da capacidade de concentrase na aplicación de
solucións dadas a problemas pechados.
Un traballador adaptado. Os
horarios das fábricas, divididos en períodos de tempo que finalizaban a golpe
de sirena, imitáronse na escola. Tamén se aprendeu a traballar de forma
individual a pesar de estar rodeado de persoas. Cada cal ao seu! Os que se
saían da norma, os diferentes... os "inadaptados" non eran
ben recibidos neste sistema.
O mundo de hoxe ten pouco que ver con aquela Europa industrial. Con todo,
en moitos contextos pedagóxicos perviven as reminiscencias da escola do XIX.
Si ensinamos aos estudantes de hoxe
como ensinabamos onte, estamos a roubarlles o mañá. John Dewey
Xullo Verne foi capaz de anticipar cantidade de enxeños pouco antes de que
se fixesen realidade, como o Nautilus do seu Vinte mil leguas de viaxe
submarina. A novela publicouse en 1870 e o submarino eléctrico de Isaac
Peral foi botado en 1888. A lentitude que caracterizaba ao progreso na súa
época facilitaba o acerto destes vaticinios. A nosa sociedade está marcada pola
velocidade na xeración de coñecemento. Non podemos seguir ensinando como
nos ensinaron. Nin sequera pódese educar pensando en que o mundo actual ou os
empregos que hoxe coñecemos serán os mesmos a uns anos vista. É
imprescindible abrir unha reflexión pedagóxica, que nos leve a enfrontar de
forma sincera unha transcendental pregunta: Educas para o século XIX ou
para o XXI?