Finlandia nun colexio de Arousa

O centro público carece de libros e materias, mestura profesores e idades e aposta pola psicomotricidade.



La Voz de Galicia


La Voz comeza esta serie sobre centros innovadores nun colexio público de infantil e primaria, de poucos alumnos (120), en San Miguel de Deiro, unha parroquia marítima de menos de dous miles habitantes nun concello tipo: Vilanova de Arousa, 10.500 veciños e cinco centros de primaria.

Desde fai tres anos o novo equipo directivo, con Javier García á cabeza, traballa para cambiar as cousas, e este curso deu o gran salto: non hai materias, exames, deberes nin libros, e as aulas, cuxas portas están sempre abertas, mesturan idades. «As clases son unha balsa de aceite e os rapaces veñen con moitas ganas de traballar», di o director. Os pais apostan por este sistema aínda que «ao principio dábanos algo de medo, de feito hai pais que aínda teñen dúbidas», segundo recoñece Susana Varela, presidenta da ANPA. Ela destaca «a ilusión dos profesores, que nos contaxian a súa esperanza»; polo momento o seu fillo, que cursa segundo, «vai moi contento ao colexio».

¿Como se aprende no colexio San Miguel? Esta é a crónica dun día calquera, neste caso o pasado venres.

Reflexionar, sempre
Á primeira hora, unha das dúas clases dos maiores (5.º e 6.º de primaria, mesturados) está nun faladoiro literario. Son once nenos colocados en círculo que charlan sobre A lección de August, que conta a historia dun mozo cunha deformidade na cara. Os arousáns falan de como se debía de sentir, do importante que é pensar nos outros antes de xulgalos e incluso un deles reflexiona: «Tal vez pensó en dejar el mundo». Aos profesores impresiónalles esta actividade: «Os rapaces déixanche sen alento, ¡ven as cousas dunha maneira...!», recoñece Javier García, quen recalca a importancia destas sesións para «mellorar a oratoria dos rapaces, a súa capacidade de análise e para coñecelos mellor».

Mentres uns valoran que é sentirse diferente, en primeiro e segundo Jacobo e Chus intentan organizar a xornada. Nestas clases sempre hai máis alboroto, aínda que aos poucos se vai acougando; Chus, mestra substituta, recoñece que este sistema «supón máis traballo» pero «é ideal, adáptaste ao neno».

Sábeno na clase de Matemáticas (ou contexto matemático), onde hai tres grupos de alumnos (o cuarto está fóra, gravando un vídeo), e uns pelexan cunha receita de empanada de mexillón. Durante quince días todo o colexio traballa ao redor da alimentación, e aos pés da ponte da Illa alimentos e mexillón son sinónimos. «Sempre buscamos temas da súa contorna, que eles vexan como propios», di Sergio Rosales , o profesor que utiliza as cantidades dunha receita para ensinar volumes e medidas e as súas conversións. Poucos metros máis lonxe o contexto (aula) científico está en pé. Alí reina Amalia Estévez, doutora en Químicas. Un grupo está a preparar un Trivial de alimentación e outros acaban de zamparse un xantar saudable -«Queredes tomar algo?», invita educadamente un alumno ante unha mesa con pans, biscoitos e zumes-, xusto diante duns enormes debuxos que reproducen os aparellos do corpo humano -en figuras de home e muller, indistintamente-.

A publicidade é arte
E chegamos ao contexto humanístico. Marwa e Antía, de sexto, comparten pupitre con Cristhian e Iván, de quinto. Eles creen que a mestura de idades é boa porque «te familiarizas con outra xente e enténdese mellor así»; elas asenten e apuntan que «cando fas unha cousa non estás chapando, pero sábela igual». O grupo comparte comprimido (están nun programa educativo de Samsung ) diante dun andel con coloristas caixas de mexillóns, porque como parte do proceso han ter que crear packaging e publicidade.

As clases por contexto compleméntanse con outras por curso, hora e media ao día, para asegurar conceptos propios de cada idade. Nin entón hai pupitres individuais, porque «todo o grupo é responsable do traballo conxunto», di García, quen recoñece que ese sistema «fai madurar aos rapaces» porque lles obriga a estar pendentes e esixir aos seus compañeiros. Non é moi difícil conseguilo: «Eles mesmos son os máis esixentes e non lles vale calquera cousa». Iso nótase cando gravan un audio, como Valentina e Lea, que repiten un conto varias veces ata que queda perfecto. Parece que a educación pública finlandesa non é un mito. Está en Arousa.

As claves do centro
As clases unen dous cursos (4 e 5 anos, 1.º e 2.º de primaria, 3.º e 4.º, e 5.º e 6.º), de tal xeito que «un ano es ti o pequeno e ao seguinte, o maior», explica Javier García. «Está ben porque recordas o que xa tes aprendido», di unha alumna de cuarto. Os de tres anos van á parte, xa teñen bastante con adaptarse ao cole.

ABP. Ata terceiro, seguen a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Non se moven de clase e na aula teñen áreas: a matemática, as palabras, as artes... Adoita haber dous ou ata tres profesores e os nenos aprenden as operacións matemáticas con regletas ou con produtos naturais (unha abelá é unha unidade, unha noz son dez abelás...). 

Contexto. De terceiro en diante son os nenos os que cambian de clase: á de contexto científico, matemático, lingüístico e humanístico. Están noventa minutos e divídense en grupos, que se moven por diferentes áreas da aula durante quince días, cando se esgota o tema a estudar. 

Clases tradicionais, tamén. Os alumnos de primaria teñen tamén cada día hora e media tradicional, só cos do seu curso. 


Os venres, faladoiro literario. Os maiores charlan os venres sobre un libro que lles propoñen os profesores. Son debates acesos e interesantes para coñecer aos alumnos e ver como evolucionan como persoas.

Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »