Un novo test para detectar o trastorno específico da linguaxe en nenos




SINC


Dolors Girbau, profesora de Psicoloxía Básica da Universidad Jaume I (UJI), desenvolveu un novo marcador clínico en lingua castelá para diagnosticar o trastorno específico da linguaxe, que afecta a entre o 6% e o 7% dos nenos menores de sete anos. A investigación coa que se validou este novo procedemento para nenos de entre oito e dez anos publícase na revista First Language.

O trastorno específico da linguaxe (TEL) incide nas capacidades orais dos nenos, tanto desde o punto de vista expresivo –vocabulario limitado, estruturas morfosintácticas simples ou erróneas– como de comprensión. Ademais, adoita ir acompañado dun déficit de memoria a curto prazo. "É fundamental detectar canto antes mellor esta patoloxía con obxecto de pór en marcha tratamentos adecuados, para o que tamén deben descartarse, en primeiro lugar, posibles déficits de audición e da capacidade intelectual", apunta Girbau.

O traballo consistiu no deseño dun tipo de test, denominado Non-word Repetition Task (NRT), que se realizou a 40 nenos de Castelló, 20 deles como control.

"O traballo de campo consistía en presentar un modelo de palabras ficticias con características especiais –diferente número de sílabas ou combinación diversa de fonemas, entre outros– a unha mostra infantil, que tiña que repetir cada pseudopalabra", afirma a profesora. Os participantes infantís con TEL de 8 a 10 anos obtiveron unha porcentaxe significativamente inferior de pseudopalabras repetidas correctamente respecto dos controis de igual idade; os erros incrementábanse a medida que aumentaba o número de sílabas da pseudopalabra.

A ambos os grupos de estudantes de primaria administróuselles unha exhaustiva batería de tests psicolingüísticos, ademais dun test de intelixencia e audiometrías.

O mesmo grupo de investigación publicou, con anterioridade, outros datos sobre NRT en mostras infantís hispanofalantes de Nova York, obtendo resultados similares. O estudo realizouse en colaboración co catedrático Richard G. Schwartz do Centro de Posgrao da Universidade City de Nova York.


Repetición de pseudopalabras
Estes estudos, en palabras de Dolors Girbau, "demostran as limitacións na memoria de traballo a curto prazo que adoita mostrar a poboación con TEL en varias linguas, co que se presenta un novo marcador clínico en lingua castelá. Esta tarefa de repetición de pseudopalabras "axudará tamén a mellorar o diagnóstico de TEL na poboación hispanofalante", engade.

Girbau tamén deu a coñecer resultados sobre outros marcadores clínicos de TEL, incluíndo estudos de resonancia magnética que demostraron un menor volume de materia gris ou branca en áreas cerebrais relacionadas coa linguaxe oral ou a lectura.

Na actualidade, ela e o seu equipo están a traballar en estudos de resonancia magnética funcional e potenciais evocados, que permitirán seguir avanzando no coñecemento das bases neurocognitivas do TEL. Con estes datos, espérase poder mellorar o diagnóstico e tratamento desta patoloxía da linguaxe oral, que ás veces acaba afectando á lectura.


Referencia bibliográfica:

Girbau Massana, Dolors. “The Non-word Repetition Task as a clinical marker of Specific Language Impairment in Spanish-speaking children”. First Language (2016). v. 36, n. 1, pp. 30-49. DOI: 10.1177/0142723715626069

Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »