Un informe europeo constata a relación directa entre educación inclusiva e inclusión social



A Axencia Europea polas Necesidades Educativas Especiais acaba de publicar un informe no que conclúe que as persoas con discapacidade que recibiron unha educación inclusiva teñen máis posibilidades de ter unha vida autónoma que aquelas que foron escolarizadas en centros segregados.




el diario de la educación


A Axencia Europea para as Necesidades Educativas Especiais e a Inclusión Educativa revisou ao redor de 200 estudos e artigos publicados nos últimos anos en Europa e países como Estados Unidos e Australia nos que se aborda a cuestión da inclusión social das persoas con discapacidade e a relación que este proceso de inclusión ten co tipo de educación que recibiron. A partir de aquí, publicou un informe –que ten unha versión longa de 81 páxinas, e unha resumida de 16 dispoñible en español– onde conclúe que as persoas con discapacidade que reciben unha educación inclusiva teñen máis posibilidades de ter unha vida máis autónoma nos ámbitos social, laboral e familiar.

Esta axencia é un organismo independente con sede en Dinamarca que recibe financiamento da Comisión Europea e que está formado por representantes gobernamentais de 31 países (que son todos os da UE, menos Romanía, ademais de Suíza, Noruega, Islandia e Serbia). A vontade de informes como este é que os responsables das políticas públicas dos diferentes países teñan máis elementos de xuízo á hora de definilas.

En concreto, o informe quíxose fixar en todos os estudos que traten de dar resposta a estes dous interrogantes. 1) Que relación existe entre a educación inclusiva e a inclusión social? 2) Que din as investigacións actuais sobre o potencial que ten a educación inclusiva como instrumento para promover a inclusión social?


A segregación escolar minimiza as oportunidades de inclusión social
“As probas das investigacións achegadas na revisión –lese no informe– suxiren que asistir a centros segregados minimiza as oportunidades de inclusión social tanto a curto prazo (durante o período no que os nenos con discapacidade van á escola) como a longo prazo (tras graduarse en centros de educación secundaria). O feito de asistir a un centro especial relaciónase con baixas cualificaciones académicas e profesionais, traballos en talleres protexidos, dependencia económica, menores oportunidades para levar unha vida independente e escasas redes sociais tras a gradación”.

O informe fíxase especialmente na relación co mundo laboral e coa vida en comunidade, e conclúe que unha educación inclusiva aumenta as probabilidades da persoa de atopar unha saída no mercado laboral ordinario, xa sexa coa modalidade de emprego con apoio, un emprego aberto ou mesmo a actividade autónoma, mentres que a educación nun centro segregado conduce a un tipo de traballo nun taller protexido, cousa que “probablemente contribúa máis ao illamento que á inclusión social” da persoa con discapacidade.

O mesmo sucede no ámbito da vida independente. Unha educación inclusiva “aumenta as oportunidades de levar unha vida independente”, aínda que esta non depende unicamente deste factor, senón que inflúen tamén as políticas de benestar social. O informe menciona que este impacto da educación inclusiva sobre a capacidade da persoa de ter unha vida independente debilítase a medida que pasa o tempo desde a súa gradación. E di tamén que os mozos con discapacidade que van a centros segregados “teñen menos probabilidades de crear amizades e redes sociais na súa vida adulta”.


A participación é o aspecto crave da educación inclusiva
Outro aspecto no que tamén inciden as conclusións presentadas por esta axencia é que o concepto de educación inclusiva non é equivalente a escolarización nun centro ordinario. E pon moito a énfase na participación como termómetro da inclusión. “As políticas que consideran a educación inclusiva como mera asignación nun centro escolar ordinario obstaculizan a participación do alumnado con discapacidade e, por tanto, non conducen á inclusión social”, di o informe. “Para que a educación inclusiva teña impacto na inclusión social é necesario garantir, a través das políticas e as prácticas, que o alumnado con discapacidade participe en igualdade de condicións que o alumnado sen discapacidade en todos os aspectos do sistema escolar”, engade.

Entre as decenas de referencias citadas na bibliografía só hai tres españolas. O estudo INCLUD-ED (Successful Educational Actions for Inclusion and Social Cohesion inEurope ), coordinado polo catedrático da UB Ramón Frecha en colaboración con varias outras universidades europeas e publicado en 2015 por Springer, e dous artigos publicados nas revistas International Journal of Inclusive Education e Journal of Intellectual and Developmental Disability polas profesoras da Universidade de Xirona Maria Pallisera, Judit Fullana e Montserrat Vila.

Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »