Mon petit coin d'éducation
Nunha entrada anterior estiven a
falar do cartafol de talentos como unha proposta moi interesante para
desenvolver na aula, pero sobre todo para planificar actividades flexibles para
todo o alumnado. O Cartafol de talentos é unha actividade que Joseph Renzulli
e Sally Reis (1) desenvolven no modelo de enriquecemento para toda a escola.
Esta interesante proposta axudaranos a coñecer a todo o alumnado, a empatizar
con el, a garantirlle unha educación de calidade. Falar de educación inclusiva
é conxugar aspectos cognitivos, emocionais e éticos. Traballar con este cartafol permíteme axuntar todos estes aspectos.
O profesorado que ten mirada DUA,
non se centra só no expediente que garda os datos persoais do alumnado, as súas
cualificacións e algunhas observacións habitualmente escritas cunha linguaxe
baseada no déficit, como lle custa, ten dificultade para, non sabe, distráese,
interrompe“. Este profesorado non pregunta “que lle pasa”, senón que pregunta
“quen é”. Este profesorado cuéstionase desde a ética, desde a concepción
humanista da educación, desde o enfoque dos dereitos humanos, desde o mesmo
corazón. Este profesorado mira a todos os seus estudantes aos ollos, noméaos,
pregúntalles, coñéceos. E este pequeno xesto é capaz de transformar a vida de
todos eles. Porque a educación é iso, pequenos xestos. Eduardo Galeano dicía:
Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar
o mundo.
A educación inclusiva é unha
educación centrada nas capacidades, non no déficit. Baseada no modelo social da
discapacidade, avoga por eliminar as barreiras á aprendizaxe, á participación,
á presenza; barreiras que impiden á persoa participar e estar presente. Coñecer
estas barreiras é clave, por tanto, para avanzar cara a unha educación inclusiva,
pero coñecer á persoa é primordial. Como está, como sinte, que ve
habitualmente, que escoita con asiduidade, que expectativas ten; que
expectativas teño, como a miro, como actúo, como a nomeo? Son preguntas que nos
debemos facer. Pero tamén estoutras: que lle gusta, cales son os seus
intereses, cales son as súas fortalezas?
Destacar a capacidade fronte á discapacidade, como diría Silvana Mabel Corso
(2), nomea á persoa, dignifícaa, sitúaa na sociedade que lle corresponde.
Gardar xunto ao expediente, habitualmente
centrado no déficit, un cartafol que destaque as fortalezas da persoa, é
cambiar a mirada. Utilizar esa información para transformar as prácticas na
aula, é camiñar cara á inclusión. Comezar o curso cun cartafol de talentos
que nos axude a deseñar contornas de aprendizaxe flexibles é facer posible a
educación inclusiva, é pasar á acción, é ter esperanza para o “inédito viable”.
Que pode conter este cartafol de talentos? Como o debo utilizar na
aula? Cal é o seu obxectivo?
Crea un mapa da empatía de todos
e cada un dos teus alumnos e alumnas. Sitúaos no centro e contesta as preguntas
por esta orde: que ouve?, que ve?, que pensa e sente?, e por último, que di?
Analiza as barreiras á presenza,
á participación, á aprendizaxe, que atopan na aula, no centro educativo e
escribe propostas de valor que permitan pasar á acción. Idea despois unha
intervención tendo en conta o resto dos aspectos que vas avaliar neste
portafolio e controla o impacto que ten, modifícaa si é preciso. Os docentes
temos que avaliar os efectos dos métodos que eliximos coa mirada en todo o
alumnado e lembrar que cando non aprenden non necesitan máis do mesmo,
necesitan algo diferente.
OBXECTIVO. Coñecer ao alumnado,
empatizar con eles. Cambiar a mirada.
Contesta á pregunta cales son as
miñas expectativas? Fala co teu alumnado, escóitalle, pregúntalle tamén polas
súas expectativas.
Pregunta ao alumnado polos seus
gustos, iso axudarache a coñecelos mellor. Tamén axudarache a partir dos seus
intereses e inquietudes, garantindo a motivación necesaria para aprender e
ofrecendo unha información significativa que lles permita desenvolver condutas
autodeterminadas que fomentan a súa autonomía e a súa autorregulación na
aprendizaxe.
Este aspecto contémplase dentro
do marco DUA, que pon a mirada na variabilidade afectiva das persoas e que
parte da premisa que os humanos variamos na forma en que nos involucramos na
aprendizaxe.
OBXECTIVO. Proporcionar múltiples
formas de compromiso, opcións para captar o interese, opcións para manter o
esforzo e a persistencia e opcións para a autorregulación, para lograr
estudantes motivados e entusiastas.
Inventario das Intelixencias Múltiples
Este inventario, ideado por
Armstrong (2006) (3), non ten validez psicométrica, este inventario non é un
test. Este inventario, neste contexto educativo inclusivo que defendo, ten que
servir para democratizar a intelixencia e pór en valor que todas as persoas
somos intelixentes. Ten que servir para trazar un perfil de fortalezas con
puntos fortes sobre os que planificar a intervención na aula, unha intervención
centrada na persoa, unha intervención personalizada.
E aquí é onde, por unha banda,
estes resultados serven para traballar sobre un proxecto de vida persoal,
centrado na persoa; e, por outra, axúdanos a deseñar percorridos
diversificados, coas pautas e directrices do Deseño Universal para a
Aprendizaxe, con opcións para a representación que permitan abordar o contido
de diferentes formas ou con opcións para a expresión e a acción que permiten a
todo o alumnado expresar o que saben.
OBXECTIVO. Democratizar a
intelixencia, todas as persoas somos intelixentes. Destacar as fortalezas.
Coñecer á persoa, coñecerse. Favorecer na aula o desenvolvemento de proxectos
de vida centrados na persoa.
Preferencias de estilos de aprendizaxe
Falar de estilos de aprendizaxe é
facelo dun termo controvertido. É falso e non existen evidencias de que só
aprendemos mellor cando recibimos a información acorde co noso estilo de
aprendizaxe. Tampouco hai un estilo mellor ou máis rápido para aprender. Nin
evidencias da correlación entre os estilos e unha aprendizaxe de éxito
(4). Falar nestes termos é facelo dun
neuromito moi arraigado na educación (5).
Facelo de preferencias de estilos
de aprendizaxe é falar da variabilidade das persoas e dicir que todas temos
diferentes preferencias á hora de decidir como aprender. Esta variabilidade é
un da compoñentes clave no marco do Deseño Universal para a Aprendizaxe, polo
que a proposta que aquí se fai enmárcase nesta paradigma inclusivo que foxe da
aprendizaxe media e homoxéneo e recolle ao alumnado que queda habitualmente nas
marxes, ofrecéndolles propostas flexibles para que poidan aprender. Todo o
alumnado necesitar ter oportunidades para lograr o éxito.
Coñecer as preferencias de
estilos de aprendizaxe permite coñecer as preferencias de estilo instruccional,
as preferencias de contorna de aprendizaxe, as preferencias de estilos de
pensamento e as preferencias de estilo expresivo, evidenciando así que existe
variabilidade na forma de aprender, de desenvolver estratexias, de expresar a
aprendizaxe… e confirmando que a variabilidade humana é un feito e que a
atención á diversidade, tal e como se concibe na actualidade (diversos son os
nadies, os que se salguen da norma) non ten sentido, pois todas as persoas
somos diversas.
Traballar cun cartafol de
talentos permite coñecer fortalezas e intereses, permite cambiar a mirada,
permite pór no centro da intervención ao neno, á nena, para trazar desafíos,
para deseñar itinerarios diversificados, para garantir o dereito a unha
educación inclusiva, equitativa e de calidade para todo o alumnado, pero sobre
todo para transformar as súas vidas.
Quero concluír cunhas palabras de
Paulo Freire que lin no seu libro Pedagoxía de Esperanza: “Non podemos existir
sen interrogarnos sobre o mañana, sobre o que virá, a favor de que, en
contra de que, a favor de quen, en contra de quen virá; sen
interrogarnos sobre coomo facer concreto o “inédito viable” que nos esixe que
loitemos por él ” (páx. 125).