La Voz de Galicia
O grupo de redes sociais da
Policía Nacional propón aos pais un modelo de contrato con 20 puntos para
que fixen cos seus fillos menores de 13 anos unhas normas de bo uso do seu
móbil, tableta e computador, a asinar cando o neno estree o dispositivo. No
contrato especifícanse diversos aspectos á hora de usar o aparello, desde
deixalo cargando en zonas comúns da casa e non xunto á cama ou non usar redes
sociais a non ser que os pais estean nelas, até ter coidado á hora de compartir
imaxes ou vídeos que poidan ofender a outros ou abrir enlaces sospeitosos.
Estas normas escritas, que se
poden descargar das contas da Policía en Twitter e Facebook, relaxaranse ou cancelarán» a
medida que o neno vaia cumprindo anos, segundo establece o propio contrato, co
que a Policía pretende «fixar unhas normas de bo uso», segundo explicou a Efe o
responsable de redes sociais da Policía, Carlos Fernández
Guerra. «Detectamos que estes días de primeira comuñón é frecuente regalar
tabletas, móbiles ou computadores a nenos cada vez máis novos», afirmou
Fernández, para quen «os pais teñen que facer un esforzo por coñecer a
tecnoloxía e pactar unhas normas que tamén son de privacidade, seguridade e
para evitar riscos».
O contrato empeza establecendo
que os pais e o menor comprarán xuntos o dispositivo e configurarano
conxuntamente, incluíndo a instalación de aplis ou, no caso de que o neno sexa
pequeno, filtros parentales, sempre de común acordo. O menor, prosegue,
comprométese pola súa banda a ter coidado ao abrir enlaces estraños ou instalar
programas ou arquivos de fontes non fiables para evitar virus, así como a tapar
a «webcam» para previr espías e a respectar os horarios e momentos para usar o
aparello (non facelo na mesa, espazos comúns, ocasións especiais, etcétera).
Os pais coñecerán, segundo o
contrato, os contrasinais de acceso do móbil e do correo electrónico ata que o
neno sexa un pouco máis maior, pero comprométense a non ler máis que o
estritamente necesario e respectar a intimidade do seu fillo cos seus amigos «reais». As
redes sociais teñen marcada unha idade mínima de uso de 13 ou 14 anos, polo que
até ese momento non debería ter contas nelas ou compartir o seu perfil cos
pais, e en todo caso o menor non agregará a ninguén que non coñeza na vida
real.
En caso de acoso por internet, o
neno comprométese no documento asinado a contarllo ao adulto e a non tomar nin
compartir ningunha foto íntima, nin reenviar outras ofensivas para terceiras
persoas. «O novo usuario comprométese a non utilizar internet ou o móbil para
acosar, humillar, ofender ou molestar a ningún compañeiro de clase, veciño ou
coñecido. E non será cómplice desas accións de ciberacoso, nin por reenviar nin
co seu silencio: pedirá aos seus contactos ese mesmo respecto para todos», é
outro dos puntos do contrato.
Outro establece que o neno
«evitará compartir material ofensivo, contra a intimidade ou inapropiado nos
grupos de whatsapp» e coñecerá como funciona, que riscos e que condicións de
uso ten cada aplicación, xogo ou programa «para evitar sorpresas». Tamén
deberá atender «sempre» as chamadas dos seus pais para saber que está ben e
«evitará adiccións e a conexión permanente ou adictiva a un chat, foro, xogo».
A Policía elaborou estes vinte
puntos baseados nas preguntas que os pais fan a diario aos axentes a través das
redes sociais. «Moitas delas reflicten a súa preocupación polo bo uso da
tecnoloxía e como controlalos, sobre adiccións, riscos á privacidade ou o uso
da cámara», explicou Fernández, que anima aos pais a asinar este contrato cos
seus fillos para facer un bo uso destes dispositivos e evitar comportamentos
como o ciberacoso.