Conceptos básicos para conseguir un mundo máis inclusivo.
La Voz de Galicia :: Ana T. Jack
«Todos os seres humanos nacen libres e iguais
en dignidade e dereitos», recolle a Declaración Universal de Dereitos Humanos
da Unesco de 1948. A día de hoxe, na práctica, as barreiras de todo tipo
(educativas, asistenciais, sociais, laborais…) seguen a ser un obstáculo
insalvable para que as persoas con algún tipo de limitación alcancen a plena
inclusión na sociedade do século XXI.
Empecemos pola linguaxe. As palabras que
utilizamos para dirixirnos a unha persoa ou describir unha situación poden
levar asociados ideas e valores cunha connotación positiva ou negativa que se
acaba transformando en actitudes de respecto e empatía… ou todo o contrario.
Por iso, como educadores e referentes para a infancia e a adolescencia, tanto
pais como profesores debemos ter coidado cos termos que utilizamos para falar
da diversidade. No caso, por exemplo, de referirnos a aqueles que presentan
algún tipo de limitación física, psicolóxica ou intelectual, sempre debemos
antepor a palabra presenta; persoa con trastorno do espectro
autista, persoa con parálise cerebral ou persoa con síndrome de Down son
preferibles a autista, paralítico cerebral ou síndrome de Down.
Outros
conceptos que convén ter claros son os seguintes:
Persoa con
discapacidade define de xeito xenérico a quen presenta algunha
deficiencia ou restrición física, intelectual ou sensorial. Aínda que prioriza
o respecto á persoa, pon o foco nos aspectos limitantes e salienta a ausencia
de capacidade.
Persoa con diversidade
funcional é un termo non negativo que fai referencia ao resultado da
interacción entre a persoa (coas súas capacidades e limitacións) e a contorna
(coas súas oportunidades e barreiras). É dicir, as persoas poden presentar máis
ou menos diversidade funcional dependendo das esixencias, barreiras ou
dificultades que impón a contorna.
Tipos de
diversidade funcional:
Físicas: afectan ás extremidades ou ao aparello locomotor (paraplexías,
hemiplexías, tetraplexías, distrofia muscular…).
Sensoriais: as máis frecuentes son as visuais e as auditivas. Pero tamén engloba os
trastornos do equilibrio e a perda de olfacto, de gusto ou de sensibilidade.
Mentais: alteracións dos procesos psicolóxicos básicos que dificultan a
adaptación da persoa á súa contorna (trastorno afectivo bipolar,
esquizofrenia…).
Intelectuais e
do desenvolvemento: limitacións significativas no
funcionamento intelectual e nas habilidades adaptativas sociais e prácticas.
Orgánicas: os órganos internos están danados, como no caso da fibrose quística, as
cardiopatías, transplantes…
Circunstanciais
ou transitorias: son circunstancias que afectan o
individuo nun momento determinado (enfermidades, accidentes…).
Barreiras: obstáculos ou dificultades que imposibilitan que as actividades e
espazos sexan accesibles. As máis frecuentes: arquitectónicas, económicas, de
transporte ou por ausencia de persoal de apoio, de actividades de lecer
inclusivas, de programas adaptados, de recursos e servizos ou de persoal
formado.
Igualdade de
oportunidades: as persoas con diversidade
funcional deben gozar das mesmas oportunidades que o resto da cidadanía, o que
se consegue coa suma da eliminación das barreiras da contorna e a disposición
de apoios para cubrir necesidades.
Segregación: significa apartar, separar a alguén. Durante moitos anos o
colectivo de persoas con diversidade funcional era agrupado e diferenciado co
obxectivo de dar unha resposta específica ás súas necesidades.
Integración: é un gran paso, porque aposta pola incorporación das persoas con
diversidade funcional en espazos normalizados. Pero son elas as que se ven
obrigadas a adaptarse aos modelos xa existentes, sen teren unha resposta ás
súas necesidades.
Inclusión: enfoque que responde positivamente ás diferenzas individuais das
persoas que entende que a diversidade non é un problema, senón unha
oportunidade para o enriquecemento da sociedade. Conséguese a través da
participación activa no contexto familiar, escolar, formativo, laboral e, en
xeral, na sociedade.
Ideas erróneas
Estes son algúns mitos ou ideas equivocadas en
relación coas persoas con diversidade funcional que se recollen na guía Como
dirixirse adecuadamente ás persoas con discapacidade, elaborada por Cermi
(Madrid, 2017):
Non son persoas
normais. Non hai dúas persoas idénticas. Todos
somos normais teñamos ou non diversidade funcional.
Hai moitas
actividades nas que non poden participar. É unha
cuestión de enfoque e de imaxinación, sempre se pode buscar o xeito de que a
persoa participe. Por exemplo, se estamos a facer traballos manuais e a persoa
en cuestión non ten desenvolvida a motricidade fina, podería participar
encargándose do material.
É diferente a
min, terá outros intereses. Debemos partir das
similitudes ou intereses á hora de relacionarnos. Se a unha nena de 6 anos lle
gusta xogar coa pelota, a unha nena da mesma idade con diversidade funcional o
máis seguro é que tamén lle guste.
Xa está integrado na aula, séntase ao meu lado. Non só se trata de que ocupen o mesmo espazo, senón
tamén de que interactúen e participen de forma activa (na aula, no patio, nas
excursións, nas actividades extraescolares…).