Proxecto Escoita




Riazor.org


Escoita xa é unha realidade. O proxecto impulsado por Jesús Suárez, que contou co apoio do Concello da Coruña, Fundación do Real Club Deportivo, colaboración do ONCE, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Universidade da Coruña e Facultade de Ciencias da Comunicación empezará a súa andaina este sábado. Trátase dun proxecto co obxectivo de que as persoas con discapacidade visual poidan gozar dos eventos deportivos igual que calquera outro espectador.

Durante estes últimos meses realizáronse varias probas piloto tanto en Riazor  como no Palacio dos Deportes. Agora, este proxecto pioneiro para estadios de fútbol e eventos deportivo en directo, estrearase o sábado no partido entre Deportivo e UD As Palmas. Un paso máis para derrubar barreiras e permitir accesibilidade plena.

Como explican desde o propio Deportivo, mediante “dispositivos PMR (redes de radiocomunicaciones privadas), e grazas aos locutores de audio descrición que narrarán os partidos desde as cabinas do Estadio, aqueles deportivistas que sufran problemas de visión poderán sentir a emoción do partido en igualdade de condicións que o resto de afeccionados”.

Doutra banda, para solicitar o uso deste dispositivo hai que enviar un correo a asistide@rcdeportivo.es. Desde aí xestionarán a entrega e recollida dos dispositivos antes e despois do partido. O proxecto, ademais de narrar partidos do Deportivo, ampliarase a outros eventos como os do Liceo ou Básquet Coruña no Palacio dos Deportes de Riazor. O soño que no seu día tivo Jesús Suárez, este sábado convértese nunha realidade.



Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »