A policía propón un contrato entre pais e fillos para regular o uso do móbil





La Voz de Galicia


O grupo de redes sociais da Policía Nacional propón aos pais un modelo de contrato con 20 puntos para que fixen cos seus fillos menores de 13 anos unhas normas de bo uso do seu móbil, tableta e computador, a asinar cando o neno estree o dispositivo. No contrato especifícanse diversos aspectos á hora de usar o aparello, desde deixalo cargando en zonas comúns da casa e non xunto á cama ou non usar redes sociais a non ser que os pais estean nelas, até ter coidado á hora de compartir imaxes ou vídeos que poidan ofender a outros ou abrir enlaces sospeitosos.
Estas normas escritas, que se poden descargar das contas da Policía en Twitter  e Facebook, relaxaranse ou cancelarán» a medida que o neno vaia cumprindo anos, segundo establece o propio contrato, co que a Policía pretende «fixar unhas normas de bo uso», segundo explicou a Efe o responsable de redes sociais da Policía, Carlos Fernández Guerra. «Detectamos que estes días de primeira comuñón é frecuente regalar tabletas, móbiles ou computadores a nenos cada vez máis novos», afirmou Fernández, para quen «os pais teñen que facer un esforzo por coñecer a tecnoloxía e pactar unhas normas que tamén son de privacidade, seguridade e para evitar riscos».

O contrato empeza establecendo que os pais e o menor comprarán xuntos o dispositivo e configurarano conxuntamente, incluíndo a instalación de aplis ou, no caso de que o neno sexa pequeno, filtros parentales, sempre de común acordo. O menor, prosegue, comprométese pola súa banda a ter coidado ao abrir enlaces estraños ou instalar programas ou arquivos de fontes non fiables para evitar virus, así como a tapar a «webcam» para previr espías e a respectar os horarios e momentos para usar o aparello (non facelo na mesa, espazos comúns, ocasións especiais, etcétera).

Os pais coñecerán, segundo o contrato, os contrasinais de acceso do móbil e do correo electrónico ata que o neno sexa un pouco máis maior, pero comprométense a non ler máis que o estritamente necesario e respectar a intimidade do seu fillo cos seus amigos «reais». As redes sociais teñen marcada unha idade mínima de uso de 13 ou 14 anos, polo que até ese momento non debería ter contas nelas ou compartir o seu perfil cos pais, e en todo caso o menor non agregará a ninguén que non coñeza na vida real.
En caso de acoso por internet, o neno comprométese no documento asinado a contarllo ao adulto e a non tomar nin compartir ningunha foto íntima, nin reenviar outras ofensivas para terceiras persoas. «O novo usuario comprométese a non utilizar internet ou o móbil para acosar, humillar, ofender ou molestar a ningún compañeiro de clase, veciño ou coñecido. E non será cómplice desas accións de ciberacoso, nin por reenviar nin co seu silencio: pedirá aos seus contactos ese mesmo respecto para todos», é outro dos puntos do contrato.

Outro establece que o neno «evitará compartir material ofensivo, contra a intimidade ou inapropiado nos grupos de whatsapp» e coñecerá como funciona, que riscos e que condicións de uso ten cada aplicación, xogo ou programa «para evitar sorpresas». Tamén deberá atender «sempre» as chamadas dos seus pais para saber que está ben e «evitará adiccións e a conexión permanente ou adictiva a un chat, foro, xogo».
A Policía elaborou estes vinte puntos baseados nas preguntas que os pais fan a diario aos axentes a través das redes sociais. «Moitas delas reflicten a súa preocupación polo bo uso da tecnoloxía e como controlalos, sobre adiccións, riscos á privacidade ou o uso da cámara», explicou Fernández, que anima aos pais a asinar este contrato cos seus fillos para facer un bo uso destes dispositivos e evitar comportamentos como o ciberacoso.  

Acordo bo uso móbil e internet