Real Academia Galega
A diversidade
lingüística é unha riqueza ameazada a nivel mundial. Por iso a UNESCO celebra
dende 2000, cada 21 de febreiro, o Día da Lingua Materna, unha conmemoración á
que a Real Academia Galega se suma este ano compartindo
“Xeliña fala galego". O relato, escrito polo mestre e tradutor
Valentín Arias en 1968, conta a experiencia como nena criada en galego da súa
filla Xela Arias (1962-2003), a quen a Academia lle dedica este ano o Día das
Letras Galegas. O texto difúndese xunto a un artigo no que o presidente da RAG,
Víctor F. Freixanes, tamén reivindica a transmisión xeracional do idioma como
“unha riqueza que debemos celebrar” e lembra que o galego é ademais unha porta
ao multilingüismo, un concepto no que a organización internacional pon o acento
nesta edición do Día da Lingua Materna e no que tamén afonda a historia de
Valentín Arias.