Ignacio Calderón Almendros
As adaptacións curriculares (que
son entendidas case exclusivamente como significativas e individuais) son a
ferramenta da que se serviu o sistema escolar para continuar sen ser
cuestionado. Serven como colchón para evitar a transformación da escola, porque
volve a culpabilizar ao neno ou á nena do que lle ocorre. Por iso, faise un
plan específico unicamente para eles (coma se a diversidade se puidera entender
na dicotomía normal/anormal) que ademais é desvalorizado: as aprendizaxes baixo
adaptación curricular significativa enténdense menos valiosas que as do resto
do alumnado.
Tanto é así que na maioría dos casos non permiten a titulación na educación
obrigatoria. Isto é completamente inxusto, perverte as relacións académicas e
sociais, baixa as expectativas, é ineficaz… e, ademais, facémolo con
nocturnidade, porque a miúdo omitimos que esta adaptación será un obstáculo
para a titulación. E facémolo así porque aos profesionais, no noso foro
interno, avergóñanos esta parte do que facemos.
A nosa tarefa é educar, non clasificar á infancia. O un é encomiable, o
outro deplorable. Todo neno e toda nena ten que titular na etapa obrigatoria.
Por tanto, temos que cuestionar e transcender as categorías escolares que nos
impiden pensar que unha nena ou un neno (calquera) non ten dereito a aprender
cos demais e a ser recoñecido como o resto.
Os impedimentos non están nos seus corpos nin nas súas historias persoais,
senón no que entendemos por discapacidade, a normalidade que estrutura a nosa
mente e prácticas, os tempos e espazos escolares, a división do coñecemento en
materias, os niveis, as clases, etc.
As escolas que están a romper estas estruturas son esperanzadoras. Trátase
de flexibilizar o sistema, e non de esconderse detrás das ACIs.