Proxecto ATOPA



Proyecto ATOPA


O Proxecto Atopa pretende dar resposta a unha necesidade para os estudantes diagnosticados con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA). Este trastorno caracterízase por deficiencias na comunicación social (DSM-5) o que inflúe e determina a estigmatización que frecuentemente sofren os alumnos e as alumnas con TEA nos centros escolares e que provocan situacións de illamento e rexeitamento.

As orientacións da Unión Europea insisten na necesidade da adquisición das competencias clave por parte da cidadanía como condición indispensable para lograr que os individuos alcancen un pleno desenvolvemento persoal, social e profesional que se axuste ás demandas dun mundo globalizado e faga posible o desenvolvemento económico, vinculado ao coñecemento. Entre as as competencias clave do Sistema Educativo Español atópase a competencia social e cívica, cuxa adquisición leva a habilidade e capacidade para utilizar os coñecementos e actitudes sobre a sociedade, entendida desde as diferentes perspectivas, na súa concepción dinámica, cambiante e complexa, para interpretar fenómenos e problemas sociais.

Neste sentido nas orientacións que inclúe o Plan Galego de Convivencia aconséllase incluír a previsión de realización de sociogramas nos contidos da estrutura dos Plans así como tamén no Protocolo de Prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso.

Proxecto Atopa pretende fomentar a aplicación dos instrumentos sociométricos nos centros educativos. Está a desenvolverse, en colaboración coa Escola de Telecomunicacións de Vigo, unha aplicación informática gratuíta que permita simplificar a realización dos cuestionarios e a obtención dos resultados sociométricos.

Realizouse para fundamento teórico unha completa guía que axuda no proceso de realización das técnicas sociométricas, na interpretación de resultados e incorpora propostas de intervención. Completa o proxecto a creación dun repositorio de materiais de libre difusión seleccionados por etapas e áreas de intervención.



Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »