Proyecto ATOPA
O Proxecto Atopa pretende dar resposta a unha necesidade
para os estudantes diagnosticados con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA).
Este trastorno caracterízase por deficiencias na comunicación social (DSM-5) o
que inflúe e determina a estigmatización que frecuentemente sofren os alumnos e
as alumnas con TEA nos centros escolares e que provocan situacións de illamento
e rexeitamento.
As orientacións da Unión Europea insisten na necesidade da adquisición das
competencias clave por parte da cidadanía como condición indispensable para
lograr que os individuos alcancen un pleno desenvolvemento persoal, social e
profesional que se axuste ás demandas dun mundo globalizado e faga posible o
desenvolvemento económico, vinculado ao coñecemento. Entre as as competencias
clave do Sistema Educativo Español atópase a competencia social e
cívica, cuxa adquisición leva a habilidade e capacidade para utilizar os
coñecementos e actitudes sobre a sociedade, entendida desde as diferentes
perspectivas, na súa concepción dinámica, cambiante e complexa, para
interpretar fenómenos e problemas sociais.
Neste sentido nas orientacións que inclúe o Plan Galego de Convivencia
aconséllase incluír a previsión de realización de sociogramas nos
contidos da estrutura dos Plans así como tamén no Protocolo de Prevención,
detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso.
O Proxecto Atopa pretende fomentar a aplicación dos
instrumentos sociométricos nos centros educativos. Está a desenvolverse, en
colaboración coa Escola de Telecomunicacións de Vigo, unha aplicación
informática gratuíta que permita simplificar a realización dos cuestionarios e
a obtención dos resultados sociométricos.
Realizouse para fundamento teórico unha completa guía que
axuda no proceso de realización das técnicas sociométricas, na interpretación
de resultados e incorpora propostas de intervención. Completa o proxecto a
creación dun repositorio de materiais de libre difusión seleccionados por
etapas e áreas de intervención.