A mercantilización da Educación Pública en Galicia





Seguindo o reclamo das series e películas dixitais do século XXI nas que unha secuencia de inicio do final da historia nos introduce a contarnos como chegamos aí, vou partir das aulas de polos creativos, a éxtase dos procesos de dixitalización e mercantilización do ensino. 

Impacta comprobar como uns centros preparan estas aulas sacadas dun catálogo de ... ¿arquitectura pedagóxica?,  dos seus gastos de funcionamento. A dotación vai chegando sen presa, sen pausa, sen límite, sen criterio e sen a máis mínima raiola de sentido común. Con esta nova realidade que non resolve nada agora e xa se verá co paso do tempo, o centro continúa a funcionar e convive en paralelo co polo creativo oposto, o de sempre. As instalacións a punto de cumprir cincuenta anos e o mobiliario das aulas polas que pasaron varias xeracións de avós, pais, fillos e netos. Espazos que contribuíron desde a humildade a súa escolarización e formación. Humildade antagonista do ego que cos polos creativos forman a parella perfecta sobre a que construír coa axuda das redes sociais, os enganos da mercantilización da dixitalización das políticas educativas actuais. 

Botando a vista atrás seguindo a liña temporal da fin ao principio, recordo que fai anos tamén chegaban cartos da Unión Europea. Non se chamaban NextGenerationEU e descoñezo se eran menos, igual ou máis que agora. As administracións ofertaban programas como o PROA que na revisión do seu histórico ofrecían resultados esperanzadores. Ben é certo que a responsabilidade, honestidade e compromiso facía que as condicións nas que se desenvolvían eran moi diferentes ás de agora e claramente, os resultados tamén. Non había que competir contra ninguén. Simplemente tratábase de atender as necesidades do propio centro que respondían a súa singularidade. 

Co paso dos cursos foron chegando novas propostas en forma de recursos dixitais e plurilingüismo no contexto dunha cada vez menor matrícula pola caída constante da natalidade en todo o país. Curso tras curso tiña a sensación de que cada vez máis, a política educativa arrastraba aos centros educativos públicos a competir entre eles. A baremación desaparecía e con eles a perda de unidades e de postos de traballo. Un centro para venderse tiña que ter o mesmo ou máis e mellor que o do lado. Que se transporte, comedor escolar, madrugadores, PLAMBE, EDIXGAL, ABALAR, plurilingüismo, seccións bilingües, traballar por proxectos, .... As xornadas de portas abertas fóronse convertendo nun escaparate á carta das familias. Visitas virtuais en cantas máis redes sociais mellor. Fotos e vídeos, minuto a minuto nos que vender curso tras curso tódolos programas nos que participa ou participará o centro tendo como único obxectivo manter a matricula e en consecuencia os cadros de persoal. 

Nun momento onde as administracións lexislan na liña de que cómpre primar a conciliación familiar como por exemplo sobre a necesidade pedagóxica do período de adaptación en Educación Infantil, estas ideas entran nunha clara contradición coa perda do dereito a transporte ou comedor escolar con tal de poder matricular aos fillos no centro de moda, que ten e seguirá a ter, prazas libres. 

Comezamos escollendo o centro que pensamos ou nos fan pensar que mellor se adapta a nosa familia e acabamos por pedir que ao grupo do meu fillo ou a miña filla se adscriba esta titora ou titor e a ser posible mellor nesta aula, con esta metodoloxía e o recreo nesta zona do patio. 

Se estas iniciativas xa xiraban arredor do sol da dixitalización, a chegada do SARS-CoV-2 precipitou que Claustros e Consellos Escolares aceleraran todo este proceso dos que se foron nutrindo os contratos-programa innova, os polos creativos e a acreditación da competencia dixital docente. Namentres tódolos días atopamos noticias sobre saúde mental, acoso escolar, suicidios, violencia vicaria, ... 

Fai uns meses, Daniel Arias Aranda escribía “Hoxe dedícome a enganar máis que a ensinar". A cultura do esforzo, traballo, superación, responsabilidade, honestidade, profesionalidade, pensamento crítico e autonomía persoal, desaparece entre a mesta brétema que abrolla da mercantilización da Educación Pública. 

Observando a perversa obrigación de ser feliz que chega xa até a escolarización obrigatoria nos centros de ensino público, agardo paciente por un cambio de ciclo que separe o gran da palla e que mire o bosque e non a árbore.