No Día Internacional das Persoas Xordas queremos dicirlle ao mundo quen somos e como somos para que a nosa realidade deixe de ser invisible, para que se respecten os nosos dereitos, e para combater o descoñecemento, a falta de vontade ou os prexuízos sobre o noso colectivo en xeral e, sobre as linguas de signos e quen as utilizamos.
SOMOS PERSOAS XORDAS, así nos identificamos e así queremos que a sociedade nos recoñeza. Tarefa difícil cando a xordeira aínda se concibe como unha limitación. Nin xordomudos nin deficientes auditivos: PERSOAS XORDAS.
Reivindicamos a nosa DIVERSIDADE porque a diversidade, lonxe de ser unha ameaza, é un factor de progreso. A diferenza non nos limita; non nos dá medo; ENRIQUÉCENOS. Os dereitos humanos non son cuestión de números ou de porcentaxes. SOMOS PERSOAS XORDAS que merecemos ter as mesmas oportunidades, sen distinción.
SOMOS PERSOAS XORDAS, unha comunidade con identidade lingüística e cultural propia que forxamos para responder a unha situación de exclusión histórica no plano educativo, lingüístico, político, económico e cultural. Identidade que, sen dúbida, serviu para que tanto na dimensión individual como na colectiva, adquirísemos plena conciencia das nosas capacidades, superando así a minoría de idade social, e asumindo plenamente a nosa representatividade como cidadás e cidadáns.
SOMOS PERSOAS XORDAS que unidas ao redor da CNSE, e as súas federacións e asociacións, contribuímos a combater a incomprensión, a conquistar e facer valer os nosos dereitos, e a forxar unha traxectoria que alcanza xa os 80 anos. Con valentía, coraxe e dedicación. Porque así somos as PERSOAS XORDAS.
Esiximos que se garanta a nosa LIBERDADE no uso da lingua de signos, porque ademais de ser o aceno que configura os nosos valores culturais e identitarios, é unha lingua de vida que permite o exercicio dos nosos dereitos en IGUALDADE de condicións. Unha lingua que ao longo de xeracións sacamos do ostracismo para convertela nunha lingua de CONVIVENCIA, e non o esquezamos, nunha lingua LEGAL.
SOMOS PERSOAS XORDAS. E non nos asusta, nin nos avergoña, nin nos incapacita. Non nos exime dos nosos deberes nin resta valor aos nosos dereitos. PERSOAS XORDAS CAPACES de ser o que queiramos ser. Nós decidimos! Con audífonos, con implantes cocleares, ou sen eles. PERSOAS XORDAS que utilizamos a lingua de signos ou non. E non, non nos escondemos. E si, querémolo todo. Sen barreiras de ningún tipo.
SOMOS PERSOAS XORDAS. Coñécenos. Escóitanos.